XUNTA DE GALICIA, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Paisaxe protexida / Penedos de Pasarela e Traba
Penedos de Pasarela e Traba

O macizo de Pasarela e Traba está constituído por un conxunto de elevacións graníticas situadas no noroeste da Comunidade Autónoma de Galicia, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe, na provincia da Coruña. A parroquia vimiancesa de Pasarela eríxese no seu referente poboado polo sur, mentres que polo norte atopase o extenso val laxense de Traba e a aldea de Cabanela, da propia parroquia de Traba. Os límites entre os concellos de Vimianzo e Laxe dividen este macizo en dúas partes de similar extensión. Ó norte situase o territorio de Laxe, cunha superficie próxima ás 103 hectáreas e ó sur o de Vimianzo cunha superficie aproximada de 109 hectáreas, o que suma unha superficie total de 212 hectáreas aproximadamente. O límite atravesa as elevacións case en dirección oeste leste, aproximadamente pola Galla da Pena Forcada, na parte central da dorsal que constitúe o cerne da unidade elevada. Deixa ó norte as áreas da Torre da Moa e a Pena Forcada e, ó sur, as formas dómicas da Pedra da Cachucha e as elevacións máis meridionais. Ámbolos dous concellos comparten as unidades deprimidas ó leste e ó oeste da dorsal elevada. A combinación de formas rochosas que presentan os Penedos de Pasarela e Traba conforma unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza. A dorsal que se alonga dende a Cachucha ata a Torre de Moa, pasando pola Pena Forcada, forma un impresionante pano de fondo visible tanto dende a localidade de Pasarela como, dun xeito especial, dende a área de Traba. Postos no areal que pecha a lagoa pódese contemplar unha das paisaxes máis fermosas da costa de Galicia.

Ver máis>>