XUNTA DE GALICIA, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Parque Natural / O Invernadeiro
O Invernadeiro

Zona montañosa na parte sur do denominado Macizo Central Ourensán, conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba e pertencentes á conca do Sil, e encadrada polo circo de cumios que debuxan as serras de Queixa e Fial das Corzas e os montes do Invernadoiro. Área de elevado interese botánico e faunístico e excepcional valor xeomorfolóxico e paisaxístico.

 

Limita polo norte cos montes comunais de Camba (Laza) e Vilariño de Conso e coa serra de Queixa (Chandrexa de Queixa), ao sur co encoro das Portas e o monte comunal de Campobecerros (Castrelo do Val), ao leste coa divisoria dos ríos Ribeira Grande e Conso, e ao oeste coa serra do Fial das Corzas (Camba, Laza). O rango altitudinal vai dos aproximadamente 830 aos 1.613 m sobre o nivel do mar, no cumio do monte Castrelo Grande. Outras elevacións destacables son Cabezo de Berganciños (1.594 m), Cenzoá (1.555 m), Cabeza da Veiga do Fial (1.552 m), As Pozas (1.544 m) e Cabeza do Cernado (1.518 m). Ademais dos ríos principais citados antes, a ladeiras e vagoadas do parque están sucadas por un gran número de pequenos cursos de auga aos que se incorporan numerosos regatos ou corgas, como as de Cenzoá, O Lobo, O Bidueiral ou Teixeiroá. Todos estes leitos discorren encaixados, para caer frecuentemente en fervenzas (como a dos Arcos, no barranco de Guasenza), entre elevacións e cumios redondeados pero de abruptas abas, froito da acción erosiva fluvial e do glaciarismo wurmiense que modelou estas alturas, e entre cuxas máis importantes pegadas se contan morenas e circos glaciares como o do Figueiro. Tamén aparecen algunhas zonas chás illadas arredor dos 1.000 m de altitude, rexuvenecidas pola rede fluvial. Desde o punto de vista litolóxico, o relevo está fundado sobre un substrato de esquistos e cuarcitas cambro-ordovícicas, ao sur, e por granitos hercínicos de dúas micas, ao norte e nordeste; separando ambas as zonas atópanse afloramentos de migmatitas hercínicas, ortogneis precámbricos e arcosas do grupo ''ollo de sapo''.

 

Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia cántabro-atlántica e sector galaico-portugués, aínda que en situación limítrofe co sector lusitano-duriense da subprovincia carpetano-leonesa, correspondente á rexión Mediterránea. O seu dominio climático é o oceánico de montaña, aínda con trazos de clima continental, e o seu complexo relevo proporciónalle ao clima unha notable variedade, polo que se dá a existencia de microclimas en áreas reducidas. Os veráns son calorosos e secos, denotando o seu carácter parcialmente mediterráneo, con máximas de ata 31 ºC, e os invernos bastantes fríos, con mínimas que poden chegar aos -7 ºC. A pluviometría é moi abundante (media anual de 2.258 mm), con parte das precipitacións en forma de neve.

 



Ver máis>>