
Áreas de media e alta montaña (altura media de 939 m) situadas no extremo occidental da cordilleira Cantábrica. Aínda que o seu extensísimo territorio (o maior dos espazos naturais protexidos de Galicia) conta como un único espazo para efectos da Rede Natura 2000, Os Ancares e O Courel (lato sensu), constitúen dúas áreas bastante ben definidas, non só pola súa situación xeográfica, senón tamén pola súa xeoloxía, as súas condicións edáficas, o seu clima e as súas particularidades biocenóticas. Comparten, iso si, unha baixa densidade de poboación humana e ausencia de núcleos habitados importantes, un altísimo grao de despoboamento e unha economía fundamentalmente agraria.
A área dos Ancares pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia orocantábrica e sector laciano-ancarense. Dominio climático oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 2.042 mm (a media altitude), e temperatura media de 8 ºC (aínda que a media das mínimas invernais pode roldar os 2 ºC baixo cero e os 4 ºC a media anual dos cumios), cunha media de 157 días libres de xeadas e frecuentes precipitacións en forma de neve entre novembro e abril. A parte norte (Navia de Suarna) é lixeiramente menos chuviosa (1.800 mm anuais) e algo máis cálida (9 ºC).
O Courel atópase nunha área de tránsito entre os sectores laciano-ancarense (que afecta á parte máis alta e oriental do espazo protexido) e galaico-portugués. O primeiro pertence á subprovincia orocantábrica e o segundo á subprovincia cántabro-atlántica. Ademais, ambas contactan no extremo sueste co sector berciano-sanabrés (subprovincia carpetano-leonesa, rexión mediterránea). En consecuencia, o clima é máis contrastado que nos Ancares, con fortes variacións de temperatura entre os invernos e os veráns e unha clara tendencia ás secas estivais. Así mesmo, varía considerablemente desde o norte, no contorno do Cebreiro (precipitacións medias de 2.000 mm anuais, temperaturas medias de 9 ºC), ata o sur, nas beiras do Sil, que lle dan unha considerable influencia mediterránea (precipitacións de 1.000 mm, temperaturas de 13 ºC), pasando polos 2.285 mm de chuvias rexistradas nas partes máis altas do interior da serra.