
Formando parte da serra do Galiñeiro e situada no seu extremo sur, trátase dunha área de media montaña e relevo notoriamente accidentado. A considerable altitude do monte (80-629 m sobre o nivel do mar, co seu máximo no alto de San Xiao), xuntamente coa súa posición, que asoma directamente aos vales do baixo Miño e do Louro, así como a súa singular cuberta arbórea, os seus elementos de interese etnográfico e os seus restos arqueolóxicos (como a muralla ciclópea ou o castro do Alto dos Cubos), confírenlle unha singular beleza paisaxística e un interese turístico e recreativo sobresaíntes; dispón ademais de miradoiros con amplas vistas panorámicas, unha extensa rede de camiños para paseos e zonas de pícnic. Este interese conxúgase coa conservación de valores naturais destacables, como a flora endémica e a herpetofauna. A propiedade dos terreos correspóndelle á Entidade Local Menor de Pazos de Reis e á Comunidade Veciñal de Montes en Man Común da parroquia de Rebordáns.
Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. O dominio climático é o oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha temperatura media anual de 14 ºC e unha amplitude térmica moderada de 7,5 a 20,2 ºC. Presenta un incipiente período de seca estival, case inapreciable en conxunto, e rexistra elevadas precipitacións, cunha media anual de 1.930 mm.
Os seus solos, ácidos e de profundidade escasa ou media, sitúanse sobre un substrato granítico alcalino de dúas micas pouco deformado, e neles predominan as terras pardas podzolizadas. Por encima dos 600 m sobre o nivel do mar aparece unha zona amesetada sobre terra parda oligotrófica, con pendentes suaves e afloramentos rochosos de silicatos (penedos). Outra zona con afloramentos rochosos sobre un estreito amesetamento constitúea o interfluvio de Costa de Oia, que alcanza unha altitude de 495 m. Por debaixo destes puntos elevados predominan as ladeiras en forte pendente, con presenza de interfluvios con frecuentes rochedos e valiñas. A rede fluvial está constituída por regatos que corresponden ás concas do Louro (Deique, Rebordáns e San Simón) e do Rosal (As Tabernas, Tripes e Udencias). Tamén hai algunhas charcas e pozas creadas pola existencia de encalcos nalgúns cursos fluviais (Cabanas, Clavildo e Paredes).
No parque predominan as áreas arboradas (601 ha, 81% da superficie total), na súa maior parte antigas plantacións forestais, mentres que as matogueiras, rochedos e prados e outros hábitats menores se reparten a superficie restante. En 1910 iniciouse a repoboación forestal a grande escala con diferentes especies de piñeiros e con outras moitas especies exóticas, o que deu lugar a un arboreto de grande interese. Actualmente existe unha "senda botánica" que mostra ao visitante os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia en particular. Entre estas especies introducidas cóntanse, como máis importantes, o piñeiro bravo (Pinus pinaster) (cunhas 420 ha), a mimosa (Acacia dealbata), e o eucalipto branco (Eucalyptus globulus). Outras especies menos abundantes pero ben representadas ou con exemplares de gran tamaño son a acacia negra (Acacia melanoxylon), o ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), o abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii), e os piñeiros albar (Pinus sylvestris), e insigne (Pinus radiata) e o cedro xaponés (Cryptomeria japonica).