XUNTA DE GALICIA, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Parque Natural/ Serra da Enciña da Lastra
Serra da Enciña da Lastra



Data de declaración
4 de abril de 2002.

Situación
No extremo noreste da provincia de Ourense. Pertence á comarca de Valdeorras e linda coa provincia de León (comarca do Bierzo). As localidades principais máis próximas son O Barco de Valdeorras, Rubiá, A Ponte Domingo Flórez e Ponferrada.

Concellos
Rubiá.

Superficie
3.151,67 ha.

Outras figuras de protección
  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.
  • Zona de Especial Protección para as Aves (Serra da Enciña da Lastra, ZEPA ES1130009; 1.742 ha).
  • Zona proposta como Lugar de Importancia Comunitaria (Serra da Enciña da Lastra, LIC ES1130009; 1.742 ha).

A área correspóndese parcialmente coa IBA 010 Montes Aquilanos, compartida polas comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, incluída no inventario de SEO/BirdLife (1998).


Accesos
O espazo natural está atravesado pola estrada N-120 (Ponferrada-Ourense). Á parte norte da área (Oulego) conduce a estrada comarcal OU-622. A N-536, entre as localidades leonesas de Carucedo e Puente de Domingo Flórez, bordea o límite oriental do Parque Natural, que se pode percorrer desde as localidades de Pardollán e Vilardesilva. Hai un apeadoiro de ferrocarril en Covas.

Infraestruturas
Oficina do Parque Natural, en construción (tel. 988 386 569).
Observatorios de fauna.

Descrición
image
Serra da enciña da Lastra.
Serra nororiental da comarca de Valdeorras, de substrato maioritariamente calcario, e val do río Sil á súa entrada en Galicia. Os seus impresionantes farallóns calcarios, que contrastan co val do Sil e as veigas cultivadas e flanqueadas por amplos soutos de castiñeiros, onde se asentan algunhas aldeas de arquitectura tradicional ben conservada, confírenlle un gran valor escénico e constitúen un tipo de paisaxe única en Galicia. Este substrato calcario, xuntamente coas particulares condicións climáticas da área e a súa posición bioxeográfica, compartida coa comarca leonesa do Bierzo, son determinantes dunha riqueza e singularidade biolóxica excepcional no ámbito galego.

A área pertence á rexión mediterránea, provincia mediterránea ibérica occidental e subprovincia carpetano-leonesa, adscribíndose ao sector berciano-sanabrés. É zona de transición entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico-mediterráneo, cunha precipitación media anual de 594 mm e unha temperatura media de 12,9 ºC. Presenta o clima máis seco de Galicia, de tipo mediterráneo tépedo.

O rango altitudinal do espazo natural vai dos 380 m nas beiras do Sil ata os 1.089 m en Pena Tara, manténdose por enriba dos 800 m s.n.m. ao longo de toda a zona montañosa. O tramo do río Sil ao seu paso polo espazo natural (arredor de 4 km) vese afectado polo encoro de Penarrubia, que cobre unhas 137 ha, cunha capacidade de 12 Hm3. En parte debido á permeabilidade do substrato calcario, só hai outro curso de auga permanente no espazo natural, o río Galir, mentres que os restantes regatos son de carácter estacional.


Os terreos calcarios ocupan unha superficie moi reducida en Galicia, e nesta serra atópase boa parte dela, formando unha unidade coas áreas veciñas do Bierzo, pertencendo á zona xeolóxica ástur-occidental leonesa. Trátase do dominio da denominada calcaria da Aquiana, de tipo marmóreo e natureza recifal, estratificación pouco marcada e en ocasións totalmente dolomitizada. Debido á súa natureza, estas calcarias presentan restos fósiles de briozoos e outros organismos do período ordovícico, testemuñas dunha época en que esta zona se encontraba somerxida baixo o mar. A área é altamente singular no ámbito galego, desde os puntos de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxístico, polo gran desenvolvemento, extensión e pendente que alcanzan os cortados calcarios, que chegan a superar os 200 m de altura e teñen a súa mellor representación no Estreito do Covas, na Pena Falcoeira e nos Penedos de Oulego. Así mesmo, aquí atópase o mellor exemplo de morfoloxía cárstica de Galicia, albergando a maior rede de covas e simas (denominadas ''palas'' na zona) da Comunidade Autónoma, entre as que destacan as existentes nas inmediacións de Covas e Biobra (Pala do Pombo, Pala de Tralapala, Pala de Trasmonte, Pala de Xilberte), non afectadas polo encoro. Por outra parte, a parte inferior das vertentes da serra está constituída por lousas e cuarcitas. A este nivel, son elementos xeomorfolóxicos relevantes os conos de dexección e os depósitos detríticos de lousas, cuarcitas e calcarias, presentes en Covas e no seu contorno. A elevada singularidade do espazo natural foi tida en conta polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ao incluír parte da área no Punto de Interese Xeolóxico ''Minas de Pintura'' (PIG OR-3), que, ademais dun depósito presilúrico de limonita situado en Pardollán, de elevado interese estratigráfico, inclúe o Estreito de Covas e o macizo calcario de Penarrubia.

Hábitats
image
Aspecto otoñal Bosque caducifolio.

Hábitats de interese comunitario (incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE):

  • Uceiras secas europeas.
  • Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo.
  • Mato arborescente de Juniperus spp.
  • Prados alpinos e subalpinos calcarios.
  • Prados secos seminaturais e facies de mato sobre substratos calcarios (Festuco-Brometalia).
  • Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea.
  • Pendentes rochosas calcícolas con vexetación casmofítica.
  • Covas non explotadas polo turismo.
  • Bosques de Castanea sativa.
  • Aciñeirais de Quercus ilex e Quercus rotundifolia.

 


Flora e vexetación
image
Pradeiras e crista montañosas Enciña dá Lastra.
As especiais condicións de área, sometida a un importante déficit estival de precipitacións e caracterizada por importantísimos afloramentos calcarios, na que coinciden vales moi abrigados con paredóns de grande altura e verticalidade, propician a existencia dun excepcional plantel de comunidades vexetais de ámbito moi restrinxido ou que manteñen nestes lugares as súas mellores representacións en Galicia. De maneira coincidente, estas comunidades albergan multitude de taxons vexetais raros, ameazados e de distribución marxinal ou moi restrinxida na Comunidade Autónoma. A área está enclavada bioxeograficamente na rexión mediterránea, aínda que limitando coa rexión eurosiberiana, e adscríbese coroloxicamente ao subsector berciano do sector ourensano-sanabrés, pertencente á provincia carpetano-ibérico-leonesa. Os fondos de val correspóndense co piso mesomediterráneo, cuxos elementos se entremesturan cos do piso supramediterráneo nos cumios da serra.

O parque natural abarca a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia e nel describíronse un total de 16 asociacións ou comunidades vexetais naturais e seminaturais, entre as que se contan bosques mediterráneos calcícolas, espiñeirais, salgueirais, tomiñeiras, vexetación de paredóns calcarios e diversos tipos de pasteiros. A riqueza florística é elevadísima, coñecéndose a existencia de máis de 450 taxons de flora vascular, dos que 62 teñen nesta área calcaria as súas únicas poboacións en Galicia, mentres que outros 55 taxons, tamén calcícolas ou parcialmente calcícolas, aparecen noutros puntos da Comunidade Autónoma, aínda que en parte restrinxidos a este e outros afloramentos calcarios. Polo menos 40 taxons son endémicos da península Ibérica e seis sono de Galicia (Armeria rothmaleri, Campanula adsurgens, Dianthus merinoi, Leontodon farinosus, Petrocoptis grandiflora, Rhamnus pumila subsp. legionensis). Como mínimo, considérase que 26 destes taxons son raros ou encóntranse ameazados en Galicia.

De moi especial significación son as comunidades ligadas a rochedos calcarios, e en particular a asociación de caméfitos propia de paredóns verticais (Petrocoptidetum grandiflorae e Saxifragetum trifurcatae), nas que a cantidade de endemismos, algúns de distribución moi reducida, é moi alta, incluíndo a Campanula adsurgens, Crepis albida subsp. asturica, Festuca burnatii, Leontodon farinosus, Petrocoptis grandiflora (incluída no anexo II da Directiva hábitats), Rhamnus pumila subsp. legionensis e Saxifraga trifurcata. Tamén relacionados con solos calcarios, posúen igualmente unha gran relevancia as tomiñeiras de Thymus zygis (asociación Ononido pusillae-Thymetum zygidis), propias do subsector berciano e únicas en Galicia, así como diferentes tipos de pasteiros calcícolas mediterráneos e orocantábricos, presentes na área de Oulego. Estas comunidades son o hábitat de Armeria rothmaleri e Dianthus merinoi, tamén endémicas de ámbito reducido.

Entre a vexetación arbórea e arbustiva predominan os aciñeirais de carácter calcícola (asociación Genisto hystricis-Quercetum rotundifoliae), que recobren máis dunha terceira parte do espazo natural e son os máis extensos de Galicia. Están caracterizados pola aciñeira (Quercus ilex subsp. ballota) e o érbedo (Arbutus unedo) acompañados por arbustos mediterráneos como Genista hystrix, Phyllerea angustifolia ou Pistacia terebinthus, e, dependendo da altura, da profundidade dos solos e da orientación, pola sobreira (Quercus suber), a abeleira (Corylus avellana), e o cancereixo (Sorbus aria), e en cuxos claros aparecen a lavanda (Lavandula stoechas) e diferentes especies de xaras (Cistus spp.). Tamén característicos da zona son os espiñeirais que aparecen nas orlas dos aciñeirais (asociación Rubo ulmifolii-Rosetum corymbiferae), integrados por numerosos arbustos espiñosos e plantas rubideiras, na súa maior parte produtores de froitos carnosos, entre os que cabe significar diferentes especies de cerdeiras (Prunus avium, Prunus mahaleb), abruñeiros (Prunus spinosa), escornacabras (Pistacia terebinthus), espiños albares (Crataegus monogyna), roseiras silvestres (Rosa spp.) e silvas (Rubus ulmifolius).

Presentan tamén un grande interese os salgueirais riparios, que, a pesar de se atoparen limitados pola influencia do encoro de Penarrubia, se corresponden cunha asociación propia do tramo do Sil a cabalo das provincias de Ourense e León (Salicetum angustifolio-salviifoliae), na que se dá unha gran variedade de salgueiros (Salix atrocinerea, Salix elaeagnos subsp. angustifolia, Salix neotricha, Salix salviifolia), acompañados polo lodoeiro (Celtis australis), o freixo (Fraxinus angustifolia), e o ameneiro (Alnus glutinosa). Pola súa parte, os vellos soutos de castiñeiros contan cunha notable extensión e están ben implantados nos arredores de aldeas, como en Oulego, Covas, Biobra o Pardollán, conservando exemplares centenarios.

Os xarais mesomediterráneos de Cistus ladanifer, as matogueiras de Pterosparto-Ericetum aragonensis, caracterizados por Erica australis e Chamaespartium tridentatum, e os pasteiros vivaces de Helianthemo cantabrici-Brometum erecti son outros hábitats seminaturais de importancia, os dous últimos incluídos no anexo I da Directiva hábitats.

Fauna
image
A vacaloura (Lucanus cervus).
A pesar de que aínda non é ben coñecida, a fauna de invertebrados conta con varias especies de interese, algunhas delas incluídas no anexo II da Directiva hábitats. Entre estas destaca o ameazado cangrexo de río autóctono (Austrapotamobius pallipes) cuxa presenza en Galicia está reducida a moi poucos puntos das provincias de Lugo e Ourense. A vacaloura (Lucanus cervus), e o cerambícido (Cerambyx cerdo) entre os coleópteros e o ninfálido (Euphydryas aurinia) entre os lepidópteros, son insectos presentes na zona e amparados pola citada directiva.

De acordo coas especiais condicións climáticas e posición bioxeográfica da área, así como coa variedade de hábitats, e moi en particular coa existencia dun gran macizo calcario, a fauna de vertebrados é unha das máis ricas de Galicia e posúe numerosas especies pouco comúns ou de distribución restrinxida nesta Comunidade Autónoma. O catálogo rolda as 200 especies, estando inventariadas 8 especies de peixes, 10 de anfibios e polo menos 13 de réptiles, 125 de aves e 39 de mamíferos.

Seis das oito especies de peixes son autóctonas e varias delas están ameazadas en España, como a anguía (Anguilla anguilla), o cacho (Squalius carolitertii), a boga (Chondrostoma arcasii), a boga do Douro (Chondrostoma duriense), e o espiñoso (Gasterosteus gymnurus), que habitan nas augas encoradas do Sil. Desafortunadamente, tamén se encontran no espazo natural dúas especies introducidas, a carpa (Cyprinus carpio), e a perca americana ou black-bass (Micropterus salmoides). Entre os herpetos predominan os elementos ligados a ambientes secos e pedregosos, tipicamente mediterráneos, con poucas especies propias de zonas húmidas ou de ámbito eurosiberiano, as cales, a excepción dalgunha como a ra verde (Rana perezi), ou as cobras de auga (Natrix spp.), normalmente tampouco son abundantes. Os aciñeirais, as matogueiras e os pastos calcícolas acollen a maior parte das especies máis características do parque natural, como son a lagarta rabuda (Psammodromus algirus), a lagarta cincenta (Psammodromus hispanicus), e a rica comunidade de ofidios, presidida polas cobras rateira (Malpolon monspessulanus), e riscada (Rhinechis scalaris).

A existencia de grandes cortados calcarios, a abundancia de froitos carnosos en espiñeirais, os ambientes agropecuarios ben integrados e, en suma, a elevadísima diversidade de hábitats nunha área de transición bioclimática son determinantes da existencia da comunidade de aves nidificantes máis rica e singular da Comunidade Autónoma de Galicia, con máis de 100 especies, unha excelente representación de avifauna rupícola e mediterránea no ámbito galego e unha rica comunidade de aves rapaces. Entre estas últimas destaca a presenza de polo menos 21 especies, incluíndo entre as nidificantes (12 especies diúrnas e 6 nocturnas) o voitre branco (Neophron percnopterus) (única parella en Galicia, aínda que de cría non regular), a aguia real (Aquila chrysaetos) (1 parella), a aguia cobreira (Circaetus gallicus) (2-3 parellas), a aguia calzada (Hieraaetus pennatus) (2-3 parellas), o falcón peregrino (Falco peregrinus) (3 parellas), e o bufo real (Bufo bufo) (1 parella). Tamén se rexistrou a presenza da aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus), moi rara en Galicia. Ademais, entre a avifauna rupícola reprodutora están a pomba das rochas (Columba livia) (maior poboación galega), o andoriñón real (Apus melba) (13 parellas e única poboación no interior de Galicia), a andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), os merlos rubio (Monticola saxatilis), e o solitario (Monticola solitarius), o corvo (Corvus corax), a gralla pequena (Corvus monedula), e a choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax) (10-15 parellas e poboación non reprodutora de máis de 100-150 exemplares, un dos mellores puntos de Galicia), notándose tamén neste mesmo medio a presenza invernal dos pouco comúns azulenta alpina (Prunella collaris), e gabeador vermello (Trichodroma muraria). Hai unha variada mestura de avifauna eurosiberiana e mediterránea, ligada a aciñeirais, soutos, espiñeirais e matogueiras, con numerosas especies de distribución bioxeográfica marxinal, moi localizada ou mesmo única na Comunidade Autónoma, como o picanzo cabecirrubio (Lanius senator), o papamoscas cincento (Muscicapa striata), o rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus), a papuxa carrasqueira (Sylvia cantillans), a papuxa real (Sylvia hortensis), o pardal das rochas (Petronia petronia), ou o bicogroso (Coccothraustes coccothraustes). Hai un pequeno continxente de aves acuáticas no encoro de Penarrubia, entre as que cabe mencionar, como invernantes, o mergullón cristado (Podiceps cristatus), e o pato cristado (Aythya fuligula).

A lista de mamíferos é das máis completas de Galicia, estando confirmada a presenza de 39 especies, aínda que se podería chegar ás 50 cunha prospección máis detallada, segundo se desprende do próximo da área de distribución e dos requirimentos de hábitat dalgúns posibles compoñentes. É ben coñecida e do máximo interese a riqueza da comunidade de quirópteros, dos que están presentes polo menos 9 especies, incluíndo algunhas raras e de distribución marxinal en Galicia, como o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), o morcego das ribeiras (Myotis daubentonii), o morcego das covas (Miniopterus schreibersii) (con importante poboación a nivel estatal), ou o morcego rabudo (Tadarida teniotis). Tamén é destacable a variedade e abundancia de carnívoros, entre os que cabe citar o gato bravo (Felis sylvestris), a lontra (Lutra lutra), o armiño (Mustela erminea), o teixón (Meles meles), o tourón (Mustela putorius), e a garduña (Martes foina). Menos frecuente é o lobo (Canis lupus), que parece presentarse ocasionalmente na zona. O oso pardo (Ursus arctos), existente polo menos ata o século XIX e extinguido, visitou novamente estas serras nos últimos anos nalgunhas ocasións. Os grandes herbívoros do parque son o corzo (Capreolus capreolus), e o xabaril (Sus scrofa), que acadan boas densidades e ocupan sobre todo os aciñeirais.